Como sempre o de sempre

 inicio   celta   liga   plantilla   balaídos   historia   celta b   enlaces   siareiros   ocio   vigo

       
        
Nesta sección só pretendo da-la miña opinión, persoal e subxectiva, case sempre sen me apoiar en datos, estatística nin matemática, sobre aquilo que poida afectar  directa ou indirectamente ó Celta e, ás veces, a Vigo.

Non son o autor de Planeta Celta, só un colaborador, e o autor non ten por que estar necesariamente de acordo comigo (de feito, non o ha de estar moitas veces) nin, moito menos, verse afectado ou pagar as consecuencias do que eu escriba.

Serán, xa que logo, percepcións, sensacións e impresións persoais sen máis valor -nin menos- có que poidan ter as de calquera (profetas radiofónicos e televisivos incluídos); máis ou menos o que fai Armando Álvarez no Faro.

Se o gladiador da película ía á batallas dicindo strength and honour, despídome eu cun afouteza e corazón.

Pois iso.

 

 
Últimos artigos:

A derrota da soberbia - Venres Santo - Big Brother era isto

  Volver a Noticias
 

30-05-11



  A derrota da soberbia

Por razóns varias que non veñen ó caso, había máis dun ano, concretamente desde o 3 de marzo de 2010, que non escribía para Planeta Celta. Pero a combinación de resultados do sábado 21 de maio, totalmente inesperada para min, que desembocou no descenso a 2ª do Coruña deume azos e novos pulos para volver a facer unha colaboración. E o feito que acabou por contribuir á miña resurrección foi protagonizado, como non, por A.C. Cerdoiro, do que falarei máis abaixo, cunhas declaracións que os afeccionados non podemos deixar pasar por alto sen nos inmutar (outro cantar é o da directiva, xogadores e traballadores do Celta, que deben calar a boca e non responder ás provocacións sarracenas).

Significa este descenso a merecida derrota da prepotencia e chulería e mais da falta de humildade. Sempre foron un equipiño pequeño de vila pequena, de 2ª e 2ªB, e cando lles chegou a época de prosperidade non souberon disfrutala con humildade, elegancia e señorío. Quedaban confirmadas así a súa mezquindade e ruindade, a súa cativez moral e, vaia contradición co seu nome, a súa falta total de deportividade. Sirva como exemplo, que o prefixo “super” que lles deu por poñer diante do nome é a raíz mesma do termo “soberbia”… sobran máis explicacións.

Non souberon gañar. Non foron quen de celebrar os seus éxitos sen nos pisar, sen nos ter presentes en tódalas súas celebracións: "Vigo no, Vigo no, Vigo no, Vigo no, Vigo no, Vigo noooo, Vigo no, Vigo no, Vigo no, hijos de puta, VIGO NO!!!". Ata hai quen me dixo que viu a pintada “Vigo No” en ascensores e portais. Outro coñecido comentoume que fora a unha discoteca na que cada 15 ou 20 minutos baixaban o volume da música  e todos os presentes cantaban a coro e sincronizados o maldito “Vigo no”. E que se pode dicir da saba cun enorme “Vigo No” mal pintado con aerosol negro, con trazos inseguros máis propios dun primate da selva ca dun miembro da especie humana? A devandita saba estivo pendurada no valado dos desprezables integrantes dunha peña oficialmente autodisolta (do nome non me quero acordar, que non quero manchar a boca) durante alomenos 10 temporadas sen que ninguén a retirase. Sen que intervise ningunha autoridade deportiva nin civil. Sen que a famosa comisión antiviolencia actuase malia que se podía aprezar claramente en tódalas retransmisións e resumos televisivos de todos e cada un partido que disputaban.

 


 

Os que temos familia ou coñecidos seguidores da banda herculina levamos aturado moito: moitos comentarios con e sen retranca, moita fachenda, presunción e vaidade. E moito abuso, tamén.

Chegoulle ós moi porcos e seu merecidísimo San Martiño e agora non queren que nos burlemos deles? Agora din –dicimos- que non está ben alegrarse das desgracias alleas? Veña, home, por favor!
O que fala ben ás claras da nosa superioridade moral é a corrente que hai entre o celtismo, especialmente entre os máis novos, de que despois do que sufrimos polo último descenso non está ben rir agora deles. Asómbrame cantos celtistas hai que non querían que descendese o Coruña e que houbese derbi en 1ª. Se cadra, este “conformismo” débese a que estes mozos non coñecen outra situación máis ca dos porcos eses en 1ª. Pero os que xa temos unha idade lembramos como se fose onte mesmo cando as cousas eran xustamente ó revés. E daquela, nós os deixabamos en paz. Tal era a nosa superioridade que nin os tiñamos en conta, nin reparabamos na súa irrisoria existencia.
 

E que dicir do inefable A.C. Cerdoiro? Cantas fichaxes nos tentou –e conseguiu- estragar? Cantas veces tentou enlamar as nosas xestións en eidos diversos? Na data na que escribo isto, luns 30 de maio, acaba de declarar que “"El fútbol gallego del norte es diferente al del sur. Aquí gusta el fútbol de calidad” (véxase o artigo en El Pais). Queda, unha vez máis, retratado. Non nos pode esquecer. Nunca. Acaban de descender, está facendo a rolda de prensa do adestrador que contratan para a 2ª división e ten que facer unha referencia a nós! A conto de que? Non podía estar caladiño? Non ía estar máis guapo, que é imposible, pero non podía calar, demo?
 

Ó pouco de chegar A.C. Cerdoiro á presidencia e á vista dos seus éxitos deportivos co Liceo de hoquei dicíalle eu a un amigo meu que estaba seguro de que, moi ó meu pesar, acabarían por gañar algún título pola teimosía do tamén presidente do Ural. O meu amigo dicía que non, que o fútbol non era o hoquei… que trabucado estaba el. Pero tamén lle dicía daquela que as augas habían volver ó seu cauce e que os porcos turcos acabarían volvendo, máis cedo ou máis tarde, ó seu lugar natural, á súa fochanca inmunda que lles pertence por natureza e historia. Pois ben, xa están aí. E que sexa por moitos, moitos anos.
 

Tocaría chegado este momento falar da TVG, do seu comportamento, política, organización e traxectoria nos informativos futbolísticos durante os últimos 20 anos, pero é ese un tema que merece un artigo individual que non sei se terei forzas para afrontar. O que non quero deixar de dicir é que, desde que se consumou o descenso agareno, non paro de pensar en como reestructurarán na TVG o seu programa ‘En Xogo’ se o Celta chega a ascender: Farán como antes de 1991, cando deixaban a 1ª división para o final? Ou farán como estas últimas 4 temporadas, en que era a 2ª a que quedaba para o final, ata por detrás da 2ªB e maila 3ª? Quero que ascenda o Celta por amor ó equipo, claro que si, pero esta dúbida ‘televisiva’ é un incentivo máis que me empurra a desexar o ascenso aínda con máis forza.
 

Sabedes que vos digo, que vos pido, celtistas? Alegrémonos. Con afouteza e corazón. Abertamente, sen nos agachar e sen vergoña. Ride, celtistas, ride coa boca ben aberta, ensinando todos os dentes e mesmo os empastes e mailas caries todas. Alegrémonos porque o merecemos. Alegrémonos porque o merecen,  demo, canto o levaban merecendo. Alegrémonos e Carpe Diem, que xa virán tempos peores.
 

E non vos cansedes de rir porque, como me dixo un amigo, o mellor aínda está por chegar (e non quero pensar canto iamos rir se damos ascendido nós…): Aínda non son plenamente conscientes de que están en 2ª división. Moito imos rir cando os vexamos xogar contra o Sabadell, o Huesca ou o Alcorcón. Cando teñan que xogar ás 6 da tarde dun sábado ou á hora do vermouth matinal do domingo. Cando entre o horario de inverno alá pola última fin de semana de outubro e chegue o inverno e comprobemos como desa afección coruñesa sempre fiel só irán ó estadio uns 7 ou 8 mil… e cando lles vexamos as caras de 2ª división.
 

Aínda riremos máis se non dan ascendido na primeira temporada en 2ª. De momento teñen o colchón da extensión do contrato televisivo ós equipos recén descendidos. Pero como non ascendan na primeira temporada, pecharase a billa dos cartos e daquela si, daquela imos escachar coa risa cando non teñan cartos, xa non para facer novas fichaxes, senón para pagar as débedas contraídas por tantos luxos e fastos de novos ricos pailáns.

Alegrádevos e ride, celtistas, e, como non, como sempre, o de sempre: Halaaaaa Celtaaaaaa!!!