|
Como sempre o de sempre |
|
|
|
|
|
|
|
30-03-10 |
|
Venres Santo
Ano tras ano non me
deixa de sorprender, aínda que xa estou avisado, a programación
nocturna de Venres Santo de Canal +.
Desde o principio
dos tempos de C+, aqueles tempos de descodificador e chave
plástica, son mono e unha moi VLD ("Very Low Definition") a noite
do venres para o sábado hai programada unha película de temática
cárnica. O costume segue nos nosos días. Eles terán os seus
estudos de mercado, os seus datos e saberán ben o que fan, porque
se non tivesen audiencia abonda, non o farían.
Pero, como dicía ó
principio, non me deixa de sorprender o recato moral desta canle
cada Venres Santo desde o seu primeiro ano de vida: Suprimen a
porno do venres!
Como había tempo que
non vía unha, aproveitando o desleixamento e relaxación de usos e
horarios das vacacións dispúñame a ve-la peli do venres noite.
Consultei a guía de programación e non a daba atopado, cando de
súpeto caín na conta: Venres Santo, hoxe non hai porcalladas.
Posto a buscarlle
unha explicación deu un en pensar que, se cadra, este recato moral
se debía ó accionista maioritario de Prisa e Sogecable, Jesús
Polanco, pero xa morreu en xullo de 2007 e a política do C+ segue
intacta. Así que xa non sabe un que pensar.
Hai xente que está a
gusto con esta política e considérana unha mostra de respecto
polos cristiáns e os seus costumes, pero cando pago o meu abono
non me fan desconto ningún no mes de Semana Santa por me furtar
unha película e, por suposto, non me preguntan polas miñas
tendencias relixiosas.
O que máis me amola,
é a doble moral da empresa. Non botamos polo C+ unha porno, que
non se pode comer nin tocar carne pero, iso si, pasando por
taquilla e cotizando dámosche un total de 47 películas de "cine
adulto"... 47!!!!!
En concreto, na
noite de Venres Santo 2 de abril para o sábado 3, Digital+
ofrecía: "Putitas de hotel", "Porno inglés: las turistas
insaciables", "Maduras en los límites de la obscenidad", "El
marido mira y ella a un negro se cepilla" e 32 títulos máis
clasificados X ou XX... e tamén "Jovenzuelos a pelo" ("Bareback
Riders" na versión orixinal), "Doblemente penetrado" e 9 películas
XY máis.
|
|
|
02-03-10 |
|
Big Brother era
isto
Gran Irmán era isto.
Xa vivimos na sociedade orwelliana que na antiutopía 1984 nos
vaticinou un home clarividente que, en realidade, se chamaba Eric
Blair. Nesa novela (xunto con Un mundo feliz de Aldous Huxley e
Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, un dos libros máis influintes do
século XX) acertou en grande medida co mundo do futuro, co noso
mundo. Errou nalgún detalle e mais na data, pero sabemos que a
titulou así porque a empezou a escribir en 1948 e único que fixo
foi inverti-las dúas últimas cifras do ano. E tampouco se trabucou
por tanto: só dúas décadas, que veinte años no es nada…
Orwell inventouse o
omnipresente e omnisciente Gran Irmán, o terrorífico cuarto 101 (eu
estiven nel: na delegación de Facenda da rúa Lalín), a ubicua
policía do pensamento, ou a neofala (newspeak, no orixinal en
inglés), na que reduce e transforma o léxico con fins represivos,
baseándose no principio de que o que non está na fala non pode ser
pensado, etc. A idea da neofala como xeito de falar para controlar
e defini-lo pensamento da poboación con intereses políticos foi e
segue a ser un tema de actualidade e mais de interese moral: por
exemplo, Noam Chomsky ten sinalado en varias ocasións como a
linguaxe empregada polo goberno dos EE UU conduce a situacións
idénticas ós fins que persegue a neofala de Orwell, facendo que en
numerosas ocasións sexa imposible expor puntos de vista opostos á
política estadounidense. A neofala dos nos tempos é a linguaxe
políticamente correcta. A corrección política ou o
políticamente correcto é un termo empregado para describi-la
linguaxe, ideas, políticas ou comportamento que se considera que
procuran minimiza-las ofensas a grupos étnicos, culturais,
relixiosos ou mesmo de xénero. Estes termos empréganse tamén nun
senso máis amplo para describi-la afiliación coa ortodoxia
política ou cultural. De xeito semellante, o termo políticamente
correcto describe aquilo que podería causar ofensa ou ser
rexeitado pola ortodoxia política ou cultural dun grupo
determinado. Unha das características máis salientables da
linguaxe políticamente correcta no galego ou castelán actuais é o
emprego simultáneo do másculino e mailo feminino cada vez que se
cita a un grupo ou colectivo (p. ex.: os galegos e as galegas, os
alumnos e alumnas, etc.), e ai do que non o faga así, será acusado
de misóxino, machista, etc.
Na novela de Orwell,
o Gran Irmán suple a todo personaxe político: el é o capitán xeral,
o gardián da sociedade, o deus pagán e mailo xuiz supremo. El é a
encarnación dos ideais do Partido, o partido único, ubicuo e
todopoderoso que vixila sen descanso tódalas actividades cotiás da
poboación, mesmo tendo nas rúas e casas dispositivos de vixilancia
para coñecer tódolos actos de cada individuo. Irónicamente, no
libro ata se chega a insinuar que o Gran Irmán nin siquera sexa
unha persoa real, senón unha mera icona propagandística (postos a
falar de iconas propagandísticas, alguén lembra a un tal Osama Bin
Laden?). Cando lin o libro por primeira vez, alá por 1983, pensei
que era unha boa historia, pero moi fantástica xa que semellante
grao de control nunca ía ser posible. Ademais non se me ocorría
como demo sería posible obrigar á xente a meter un aparello en
cada casa… pois ben, xa está feito: e non só non tiveron que nos
obrigar senón que nos fan crer que é un dereito que temos (“Tes
dereito a internet”) e aínda por riba pagamos por iso!!
Orwell tamén
escribiu sobre unha nova distribución política do mundo e aí é
onde máis se trabucou ó lle conceder ó bolchevismo unha relevancia
que, afortunadamente deixou de ter no mundo actual. Pero si
acertou, e de que modo, con Estasia, á que agora algúns deron en
chamar Eurabia: teoría conspirativa xeopolítica que augura unha
Europa na que a cultura dominante xa non será occidental, senón
islámica, e na que a inmigración terá multiplicado o número de
adeptos musulmáns. O concepto foi acuñado por Bat Ye’or e
popularizado pola xornalista italiana Oriana Fallaci. Segundo esta
teoría, o troco cultural en Europa tería comezado a se fraguar
trala crise do petróleo dos anos 1960 e a posterior guerra que
enfrontou os EE UU cos países da OPEP, que tería obrigado ós
dirixentes europeos a facer concesións ós países productores
árabes. Entre esas concesions figurarían unha política exterior
conciliada cos países árabes, en oposición a EE UU e Israel, a
inclusión de Turquía na Unión Europea, a apertura á inmigración
procedente dos países musulmáns, o rexeitamento á mención das
raíces cristiás de Europa na Constitución Europea, a concepción de
Eurabia coma un gran réxime autárquico, é dicir, autosuficiente
económica e políticamente, ou a defensa da compatibilidade entre
Islam e democracia, entre outras.
Non se pode negar
que internet tamén contribúe a unha certa democratización da
creación e crítica artística, literaria, musical, etc.: Todos
podemos ser autores, creadores e críticos, escritores,
compositores, directores, vendedores, compradores ou poxadores.
Grazas a internet nacen novos textos, novos lectores e novos
xeitos de literatura (dixital e dixitalizada) e lectura así como
novas músicas, cine e artes visuais, etc. De internet xurdiu o
debate sobre os dereitos de autor e a libre difusión das creacións
artísticas. E tamén en internet se orixinan cantidade de novos
medios, recursos e facilidades para unha morea de profesións e
afeccións: medicina, meteoroloxía, prensa, radio, ensino,
tradución, biblioteconomía, terminoloxía, música, cine e
fotografía, gps, náutica, aviación, pesca, deportes, videoxogos,
turismo… E, como non, se non fose por internet non existirían
wikis, tweets, e-mails, bookmarks, blogs, fútbol gratis por justin,
shareware e free downloads nin tampouco convocatorias para
flashmobs, botellóns, San Telecos ou peleas entre bandas rivais
Cangas-Moaña, Beluso-Santomé ou Porto-Boavista.
|
|
|
20-03-10 |
|
Os homes témo-la
culpa de todo
Leo nun blog un artigo sobre
o asunto da gardería de Vigo na que se lle administraron
tranquilizantes a uns neniños do que extraigo un parágrafo:
Estes días, o horror
ten nome de gardería. Estivemos a piques de asistir a feitos
desgraciadísimos. Perigou a vida dalgúns nenos, e os pais din
que pechan filas co colexio. Pais apoiando ao cole onde lles
drogan aos fillos? Sinto outra vez o estómago a piques de saírseme
pola gorxa. Levo media mañá comentando o caso e hai persoas que
ata me din que é normal que nas garderías lle dean pastillas aos
nenos. ¿que tipo de doenza social e esta amigos sociólogos?
O que máis me chamou
a atención, sen embargo, foi un comentario posterior da propia
autora no debate que se orixinou entre os lectores do artigo:
Se os homes se
fixesen cargo como corresponde desar "cargas" familiares, non
serían tal e evitaríamos seguramente ter que botar man destes
alpendres para aparcar aos nosos... pero para caer desa burra fan
falta un par de glaciacións, creo.
Así pois, resulta
que a culpa do que aconteceu na gardería é cupa dos homes. Como
non especifica, nin determina nin (de)limita, asumimos que se
refire a tódolos homes. Pois estamos bos.
Que lle parecería a
autora se lle désemos a volta ó argumento e dixésemos:
Se as mulleres
quedaran na casa, como sempre se fixo, seguramente non teriamos
que botar man deses alpendres para aparcar ós nosos. Chegarían os
rapaces á casa, terían a merenda preparada, farían as tarefas
baixo a supervisión da nai e non habería tanto fracaso escolar,
nin tanta mala educación nin tanto desleixamento nas maneiras,
formas, usos e costumes. Tampouco habería tanto rapaz na rúa e
aforraríamos en clases particulares e academias. Ademais, baixaría
o paro radicalmente. Por cada posto de traballo dunha muller que
volvese para a casa, habería un home parado menos. Acabouse a
crise, a económica e a moral.
Pero non, claro que
non. Ese non é o camiño. O que quero salientar e denunciar é esa
rama radical, extremista e agresiva do feminismo que bota a culpa
de tódolos males ós homes. Non queren igualdade, non. Queren
vinganza e superioridade. Mal saben elas que Two wrongs don't make
a right e que moito se trabucan cando meten a tódolos homes na
mesma caixa.
Noutro comentario, a
mesma autora, di:
A realidade está
chea de xente que alucina con estas noticias e estaría disposta a
queimar hoxe mesmo ese lugar...si, calma, calma, xa sei que non
que hai que xulgar e todo iso...póñase clausurar en vez de queimar...
U-la presunción de
inocencia? U-lo xuizo xusto tras unha investigación policial e/ou
científica ponderada e cabal? Deus nos colla confesados ante
tamaña violencia e agresividade que fai que nos reafirmemos no xa
escrito e tratado.
Moita afouteza e
corazón precisarán os homes que están do lado das mulleres, que
traballan tanto fóra coma dentro da casa, que pasan moitas horas
cos fillos e que cren sincera e pragmáticamente na igualdade para
aguantar a estas amazonas do noso tempo.
|
|
|
17-03-10 |
|
Abrir Vigo o
mar (II)
Xa en febreiro de
2009 me ocupara desta aberración,
unha máis do noso maltratado e abigarrado Vigo. Reafírmome en
todo o escrito daquela. Non lembro onde lin que o peor das
persoas malas era o silencio das persoas boas. Pois ben, aínda
que o que se di “bo” eu non son, non vou quedar calado. Presento
agora a proba fotográfica da evolución do monstro para que se
poida comparar coas fotos do artigo mencionado antes.
Vai a obra lenta,
pero segura. Un anaquiño menos de mar sen que quedamos todos preto
do Bao. Como se pode comprobar polas pintadas non son eu o único
disconforme con esta desviación perversa que se afasta do lícito (xa
que parece que entra no legal) e, que eu saiba, xa é a segunda vez
que lles decoran a fachada (a primeira fora hai uns meses, mais
non tardaron nadiña en borralas).
Malia non ser
personaxe do meu gusto, non podo aquí menos que citar a ese gran
estadista e orador, dito con todo o sentido pexorativo, Hugo
Chávez, e berrar alto e forte, con afouteza e corazón (e con asento venesolano
e milico):
EXPRÓPIESE!!!
|
|
|
17-03-10 |
|
Subimos ou
baixamos?
Abandonando o
espíritu de ambigüidade e incerteza que nos caracteriza, vou
tentar explicar que é o que pasa cando os galegos estamos nunha
escaleira. Os españolistas malintencionados, axudados polos malos
galegos malos do auto-odio, espallaron hai tempo a calumnia de que
de se atopar a un galego en metade dunha escaleira e preguntarlle
se sobe ou baixa non sabería que responder.
A desgrazada
metáfora tivo éxito a ata lembro que no Mundial do 82 era a graza
que contaban os xornalistas e maila expedición italiana que xogara
en Vigo: “O único que sabemos de Galicia e que se atopas un galego
nunha escaleira nunca sabe se sobe ou baixa”.
Pois resulta que é
todo o contrario. Non nos gusta ós galegos airea-las nosas ideas
nin, moito menos, as nosas intencións, gustos ou inclinacións:
unha cousa é que non queiramos dicir se subimos ou baixamos e
outra moi diferente que non o saibamos… e, por suposto, non é
asunto de ninguén se subimos ou baixamos. Nin máis listos nin
parvos cós demais, os galegos calamos, somos prudentes, temos
pudor e tentamos contestar con ambigüidades, vaguidades e
xeneralidades ou con outra pregunta: sí e non; Deus é bo e o demo
tampouco é malo; ai, si? Non me diga!
Esta indefinición
intencionada é o que incomoda a españois e españolistas que,
incapaces de empatizar coa nosa idiosincracia, tentan denigrarnos
co conto da escaleira. Mal saben que cada vez que empregan o conto
só se denigran a eles mesmos o revelar a seu descoñecemento e
ignorancia, por non falar dun claro desprezo moi próximo ó racismo
ou á xenofobia.
Moita afouteza e
corazón precisaremos para os aturar.
|
|
|
07-03-10 |
|
Máis igualdade
Outro ano máis a Federación
Galega de Golf organiza a súa liga xuvenil. A primeira proba
celebrouse no campiño (non
merece outro nome) de Campomar,
de 9 buratos, preto de Narón, cun tempo desagradable, frío e
ventoso e, como non, co terreo enlamado, en moitos lugares,
enchoupado.
E outro ano máis tamén, a
Federación Galega insiste no erro e desigualdade de facer unha
clasificación única, masculina e feminina. Iso si, as rapazas
saíron de barras vermellas, co que percorreron por volta 2.283
metros, mentres que os rapaces tiveron que facer 2.675 metros, é
dicir, unha diferencia de 392 metros (o total sería 4.556 metros
para elas e 5.350 para eles, 784 metros totais de diferencia...)
392 metros veñen a
equivaler a un burato de par 4, co que se pode dicir que mentres
os infantís e alevíns disputaron 18 buratos elas xogaron só
16... e en benxamíns os nenos xogaron 9 buratos, pero as nenas
só 8.
Aínda por riba nestas
idades adoita acontecer que as rapazas teñen un
desenvolvemento físico máis precoz co dos rapaces, polo que
xogan con dúas vantaxes.
E isto é igualdade? A
solución é ben doada e pasa por dúas opcións: ou saen todos os
xogadores do mesmo punto, independentemente dos seus cromosomas,
ou se fan clasificacións separadas, masculina e feminina.
Calquera outra cousa é
claramente discriminatoria por razóns de sexo e totalmente
inxusta.
Cómpre dicir que nin así
conseguiu gañar ningunha rapaza nin na clasificación scratch nin
na handicap, pero esa non é a cuestión.
Pregúntome que terá que dicir sobre todo isto Mudega, a
Asociación de mulleres deportistas de Galicia.
Pensaba un que o deporte, e máis aínda no eido afeccionado,
trataba de xustiza, equidade, imparcialidade e nobreza...
Lembrando certa campaña
publicitaria recente ocórreseme "Dos homes que haxa na miña vida
ningún sairá por detrás de min nun torneo de golf". Iso si que
sería igualdade.
|
|
|
18-02-10 |
|
O (profesor de)
inglés non ten a culpa
Gozaba a cidadanía da
tranquilidade e maila paz lingüística ata que os espurios
intereses políticos a estragaron coa campaña electoral
intencionadamente crispada de hai un ano. Agora vivimos inmersos
nunha polémica artificial, que non é reflexo da vida real,
alimentada de xeito máis feroz en redes sociais como o Facebook e,
sobre todo, nas seccións de comentarios dos lectores dos xornais
dixitais.
Quedaron establecidas
claramente dúas trincheiras de posicións irreconciliables e algúns
ata falan de fractura social. Como en todo conflicto, quedamos no
medio o que cinismo ianqui deu en chamar “víctimas colaterais”: os
profesores de inglés e, sobre todo, os
animosos profesores das seccións bilingües, por non falar dos
verdadeiros prexudicados: os alumnos.
O propósito inicial do actual
goberno da Xunta de Galicia de obrigar a impartir un tercio das
materias en lingua estranxeira provocou que os que, con razón,
defenden o galego erraran na identificación do agresor e xa
botaran a disparar sen antes preguntar.
Alegan non sen razón algúns
francotiradores que só a inmersión lingüística no país da lingua B
(ou, no noso caso, C) é garantía de éxito, como desde sempre vén
demostrando o noso deficiente sistema educativo no que ás linguas
estranxeiras se refire.
Engaden tamén, que a
necesidade agudiza o enxeño e que mentres os alumnos non se vexan
na necesidade de emprega-la lingua estranxeira non lle verán
utilidade ningunha e, xa que logo, non porán interese ningún en
aprendela, agás contadas excepcións.
Mais esas razóns son moi
doadas de rebater: non se podería dicir acaso o mesmo das
Matemáticas, da Literatura, da Filosofía ou da sintaxe? Mentres
non sintan a necesidade imperiosa de as empregar porque lles vai a
vida nelo ou porque as precisan para o traballo, ou pola razón que
sexa, non amosarán ningún interese por aprendelas… e iso é o que
de facto ocorre. Que alumno sente a obriga de ler e entender, por
exemplo, a Quevedo para a súa rotina e vida diaria? Xa a realidade
lle demostrou que Poderoso caballero es don Dinero sen ter que ler
ó archirrival de Góngora. Cal aplica na vida práctica as ecuacións
de segundo grao, as integrais ou as derivadas? Quen deles recorre
a cotío a Descartes, Kant ou Ortega?
A maioría do alumnado do
ensino obrigatorio non amosa predisposición nin interese polo
estudo desas materias e iso non quita para que todos esteamos de
acordo en que as Matemáticas, a Lingua ou, poñamos por caso, a
Historia, son de presenza obrigada no curriculo escolar.
Hai mesmo quen aventura que
de elimina-lo inglés do currículo a competencia dos alumnos non
había cambiar nadiña ó final do seu ciclo de estudos! Pois, veña,
eliminimos tamén as Matemáticas, o Coñecemento do Medio, a
Educación Física, a Lingua e Literatura, etc. Adeus, Quevedo,
adeus! Xa postos, eliminemos o sistema educativo. Pechemos as
escolas. Habería ser un bo aforro para o estado e o contribuinte.
E ata o de agora referíame só á educación obrigatoria, mais en
cantas materias e carreiras universitarias non se podería
aplica-lo mesmo conto? Ese si que sería un bo aforro, eliminar
certos docentes universitarios (con cantas horas de traballo
efectivo por semana?) de determinadas materias que os alumnos non
empregarán xamais na vida práctica. Ou eliminar aquelas carreiras
(p. ex. certas Filoloxías das universidades galegas) que a penas
teñen alumnado…
Pero non, ese non é o camiño,
claro que non. Non sexamos integristas. Non vivimos nas cavernas.
Nin a materia nin os docentes de Lingua Inglesa teñen a culpa (ben,
é certo, admitámolo, hai unha
profesora
de inglés en concreto, do IES Sto. Tomé de Vigo, que
si ten bastante culpa).
Non hai que exclui-lo inglés
do sistema educativo. O que hai que facer é cambiar radicalmente a
técnica actual do traballo docente. Abandonar dunha vez a técnica
docente, vertical, univoca e centrada na lección maxistral por
unha técnica horizontal, multifocal, centrada en e protagonizada
polo estudante, na que el mesmo vai aprendendo a aprender e
descubrindo os contidos, mesmo en espazos, momentos e xeitos
informais. O profesor pasa a ser un guía motivador, un compañeiro
inspirador e, non como ata o de agora, un director. Todo pasa por
face-lo ensino máis práctico e pegado á realidade cotiá, como
propugna o sistema PBL (Problem Based Learning, aprendizaxe por
problemas). Por suposto, non só no tocante á Lingua Inglesa, senón
en calquera materia da secundaria e non digamos xa na universidade.
O verdadeiramente
desacougante é que entre moitos profesores de ensino secundario,
especialmente no sector público, estase a estender unha xenreira ó
inglés e ós departamentos de Lingua Inglesa como se eles tivesen a
culpa de todo este balbordo. Percíbese esa zuna especialmente nos
centros con seccións bilingües. O alumnado que cursa unha materia
nas seccións bilingües faino de xeito voluntario, porque así el ou
os seus pais o escolleron. E adoita acontecer que os alumnos que
optan por esta vía son os que amosan mellor predisposición e
actitude e os que máis traballan… en resumo, os “listos”. Quedan
cursando, entón, as materias pola vía “normal” os alumnos que non
amosan interese, máis apáticos, deixados e, tamén sucede, con peor
nivel en calquera materia. Na práctica ocorre que se forman dous
niveis, o dos “listos” e o dos “burros”. E aí xorden as protestas
dos profesores que teñen que lidar co grupo “B” e a antipatía e
envexa que lle collen ó departamento de inglés.
Hai que ser moi ruín, e moi
cativiño de miras para non apreza-la oportunidade que se lles
ofrece ós alumnos de cursar durante un ano escolar Matemáticas,
Bioloxía, Plástica, Ed. Física ou calquera materia en inglés
(francés ou outra lingua estranxeira). Por que opción se
inclinarían eses profesores que bradan contra as seccións
bilingües se ós seus propios fillos lles brindasen esa escolla?
Aproveitala, por suposto, como fan todos os que poden.
Non podemos nega-la
importancia do inglés no mundo e tempo actual. Se cadra dentro dun
tempo o chinés ocupará o seu lugar, pero agora o mundo é como é.
Defendámo-lo galego, por suposto, pero o camiño non é ataca-lo
inglés.
Outra cousa é a pailanada que
nos invade e do que xa teño falado noutras ocasións. Esa
aceptación cega e acrítica de todo canto chega dos EE UU
(política, economía, cultura, deporte, etc.) e que fai que, por
exemplo, se interrompan tódolos telexornais españois en directo
para ofrece-lo
hoax dun rapaz supostamente atrapado nun globo aerostático…
como se non houbese actualidade máis relevante e pertinente… pero
diso tampoco teñen a culpa os profesores de inglés que necesitarán
moita afouteza e corazón para aturar outra fronte a asoballar
neles, como se os propios alumnos e mailos seus pais (ai, seus
pais) non fosen abondo.
|
|
|
25-12-09 |
|
Por que choraba
Guardiola?
En contra
do que calquera puidese pensar (en especial moi en contra do que o
ignorante de J.J. Santos narraba en directo), Guardiola non
choraba de ledicia polo triunfo do Barna, non. Non choraba
emocionado polo sexto título do ano 2009, non señor.
Choraba
abraiado e alucinado por como algúns, como, por exemplo, el e
mailo Barna, poden ter sempre tanta sorte na vida, que todo lles
vaia ben, empatar no minuto 89 un partido que tiñan prácticamente
perdido…
… mentres que case ó mesmo
tempo, outro equipo, que case nunca ten sorte cando chegan os
momentos cruciais, ó que destino ten asoballado histórica e
repetidamente con brutalidade e crueldade, lle empataban 1-1 no
minuto 89…
O noso
Celta, unha vez máis sen merecelo, e coa actuación arbitral en
contra, recibía un gol no último intre dun partido.
Non é o
fútbol inxusto? Cada vez que nos pasa isto non podo esquecer o
derradeiro minuto do partido de volta contra o Olimpic de Marsella
na copa da UEFA no que Goran Djorovic (que cariña se lle quedou ó
pobre) meteu un centro perfecto, raso, ó corazón da área pequena,
ó que non chegou por milímetros ningún xogador do noso plantel…
Uns tanto e outros tan pouco. Merda de fútbol.
O que nos
queda é aturar e saca-lo Celta adiante. Así que hoxe, máis que
nunca, afouteza e corazón!
|
|
|
23-11-09 |
|
Máis igualdade?
De todas las
mujeres que haya en mi vida, niguna será menos que yo / De todos
los hombres que haya en mi vida, ningunó será más que
yo. Encomiable campaña... mais incompleta. Fáltalle engadir ó
final de cada un destes lemas "nin máis / nin menos".
Inserida dentro dun
pretendido progresismo, está campaña publicitaria esquece que a
balanza ten dous lados. E non andamos sempre a dicir que cando se
trata de impoñer algo acábase por consegui-lo efecto contrario ó
desexado? De feito, xa teño lido pola rede o termo "feminazismo"
para se referir a esta campaña e a outras máis sibilinas: anuncios
ou escenas en series e películas nos que se ridiculiza, insulta e
mesmo unha muller golpea a un home e ninguén di nada... cando se
fose ó revés xa estaría montada unha gorda.
Cada vez que vexo cousas así
non esquezo que o parlamento galego aprobou hai uns anos cos votos
a favor do PP e do PSOE e mais coa connivencia cobarde e silencio
cómplice do BNG unha iniciativa pola cal en calquera oposición ou
concurso público o empate total a puntos entre un home e unha
muller quedaba resolto... a prol da muller! É igualdade iso?
Igualdade sería facerlle ós implicados o número abondo de probas
obxectivas ata que o empate quedase desfeito, igual que se fai nas
tandas de penalties nos deportes: seguen a tirar ata que alguén
gaña.
Vóullelo contar ós meus
fillos de contado (fillas non teño) para que vexan a igualdade que
desfrutamos neste país.
Xa sei que non é
políticamente correcto dicir todo o que acabo de expresar e que
non vai gustar a moitos, pero había que deixalo claro. Tomémo-lo
exemplo do artigo Revanchismo
de género de Enrique Lynch publicado en El País o xoves 19 de
novembro e o balbordo que se montou: o home ten razón no fondo
pero pérdenlle as formas e os exemplos, e así lle saltou á xugular
tódo o pelotón
feminazi.
|
|
|
23-11-09 |
|
Malo será
Vistos os
datos e números de
Eusebio Sacristán parece que non aprendimos da experiencia do
Alavés o da mala temporada 2008/09. Falta moito para que remate
esta liga, así que
malo será!!!
|
|
|
09-11-09 |
|
Cando as barbas
do teu viciño...
Deberiamos ter
presente a traxectoria do desprezable Alavés: un equipiño de 2ª e
2ªB que na época das vacas gordas dos contratos televisivos xogou
varias temporadas seguidas en 1ª, se clasificou para competicións
europeas (e ata chegou xogar —e perder por penalties— unha final
da copa da UEFA contra o Liverpool), baixou a 2ª e comezou a
sufrir por non descender. Na temporada 2007/08 conseguiron a
permanencia gañando en Balaídos na última xornada cunha
ignominiosa actuación do noso equipo que condenou ó Racing de
Ferrol ó descenso a 2ªB, onde aínda permanece. Como non aprenderon
a lección, á temporada seguinte insistiron e conseguiron descender
a 2ªB, tamén en Balaídos, esta vez na penúltima xornada.
Soavos? Évos familiar este camiño, semellante ó noso ata nas
derrotas por penalties nas finais? Pois daquela cómpre que C.
Mouriño, E. Sacristán, o plantel de xogadores e maila afección o
teñan ben presente, porque ata o de agora o noso percorrido é
cuspidiño ó deles.
Xa van gastadas 11 xornadas e estamos desde a 1ª en postos de
descenso (creo que no que vai de liga só saímos dos 4 últimos
postos nunha única xornada). Sempre se ten dito que a xornada 10 é
a que marca e indica a evolución dunha competición ligueira. Se
iso é verdade, ímonos armando de paciencia, valeriana,
tranquimazín e lexatín, porque este ano imos sufrir o que non está
nos Escritos.
Que non me veñan con que temos calidade, que é un plantel moi
novo, que loitan moito e todas esas lerias… que son verdade… pero,
números cantan, e a verdade espida é que estamos en descenso (ben
certo que cos mesmos puntos có 5º pola cola, o Real Unión, co que
perdemos 2-0) e a 8 puntos do ascenso.
|
|
|
26-07-09 |
|
Carlos Mouriño
e Ramón Martínez
PIS Management 5.
Intenta destruir un clube en a
penas dúas temporadas. Comenzarás
o xogo xestionando
un clube que participa en competición
europea, o teu obxectivo
será levalo a 2ª división e á peor
crise económica da súa
historia. Despide os empleados máis
competentes e os teus
mellores técnicos, afasta
a afección do
estadio e bota a culpa ós
demais. Acepta-lo
reto?
A
temporada celeste resultou un fiasco de
grandes proporcións. Ni siquera
a pasada campaña 2007/08
logrou alerta-lo oído
celtista, xordo
durante moitos meses. Demasiados. Casi
todos, en realidade, ata que só coa
auga ó pescozo chegou unha
mini reacción para conxurar un caos
de proporcións mastodónticas.
É hora de afronta-las
consecuencias da desfeita perpetrada
por Ramón Martínez coa permisividade e connivencia de Carlos
Mouriño e da súa directiva, buscar apoios
para saír adiante
e lembrar que despois de máis de 80 anos de
historia as cores celestes sempre estiveron e
deben estar por riba da coxuntura.
É ben sabido
que é máis doado aprender a obedecer que aprender a mandar. Xa que
logo non imos ser moi severos co presidente. Habería que estar na
súa pel, xogándose moito en cada decisión, sabendo que o azar na
xestión dun clube deportivo , por culpa do balón, ten moito peso,
máis ca no manexo de calquera outro tipo de sociedade mercantil.
É moi doado
estar na bancada, tecleando no ordenador dun xornal ou mesmo deste
blog irreverente, criticando decisións a touro pasado coa
tranquilidade de que non ten nada que perder: o falar non ten
cancelas.
Por outra
banda, atendendo á legalidade vixente das sociedades anónimas
deportivas, temos que admitir con tristura e resignación que pode
face-lo que lle pete co Celta pola súa condición de accionista
maioritario. Se alguén cre que o sabe ou o pode facer mellor que
dea un paso adiante, que lle merque o paquete accionarial, sanee a
entidade e que o demostre. Estaríamoslle eternamente agradecidos.
Despois de
ter superado e pechado o proceso concursal a Carlos Mouriño
imoslle dar un prazo de dúas temporadas. Temos que admitir que ata
agora tiña as mans atadas pola débeda herdada de directivas
anteriores e mais pola situación xudicial.
Confiamos,
acaso con inocencia, en que unha vez teña plena liberdade na
xestión económica empece a poñer en marcha o proxecto orixinal que
tiña en mente. A iso habería que lle engadi-la experiencia
acumulada da navegación en augas bravas destas temporadas.
Lembremos que
con Horacio Gómez pasou o mesmo. Tralo seu desembarco con
nocturnidade na presidencia, afundiu as naves coa crise dos avais.
Choraba pola tele o pola radio, imploraba perdón á afección e
pedía que lle désemos a oportunidade de facer un Celta grande. E
abofé que no deportivo conseguiu o mellor Celta da historia. As
rutas económicas que seguiu, as bodegas que creou durante a súa
presidencia e mailos métodos que empregou non son coñecidos de
agora, pero daquela mirabamos para xalundes encantados de alternar
coa jet set do fútbol europeo. E alguén dixo algo?
Ó noso
entender o erro máis grande de Carlos Mouriño foi a fichaxe de
Ramón Martínez, as condicións do seu contrato, claramente
prexudiciais para o Celta e non só no económico, e a teimosía por
mantelo no cargo. A partir de aí, Mouriño é inocente no deportivo,
xa que o deber dun cargo directivo segundo as teorías empresariais
modernas é inspirar, liderar, motivar e xestiona-lo seu equipo de
traballadores, pero sempre delegando e confiando neles. De non
telo feito así agora estariamos a criticalo por ter unha xestión
individualista e presidencialista, estilo Florentino Pérez.
Polo tanto,
toda a culpa da xestión deportiva do Celta recae en Ramón
Martínez. Desmantelou o organigrama deportivo existente sen
atender á sabedoría popular de que "máis vale malo coñecido".
Montou unha política de fichaxes nas que aparentemente importaba
máis a relación do representante do futbolista con Martínez antes
que a valía do xogador. Recorreu a infinidade de cesións de
xogadores con implicación nula no noso clube... e cando case nos
afunde no pozo da 2ª B, foxe como as ratas no naufraxio ante os
cantos de serea de Pérez, Valdano e Pardeza (aquí a banda sonora é
"Money, money, money, money, money makes the world go round, the
world go round, etc.).
Así pois,
agora que o "ideólogo" senta cátedra futbolística en Valdebebas,
ábrese unha nova etapa con Torrecilla. Teñamos paciencia e
deámoslle un prazo razoable. Non lle envexo o cargo cos petos
baleiros como os temos. A creación da sección oficial do RC Celta
en Facebook e a remodelación da web (xa era hora! de tódalas webs
dedicadas ó Celta resulta que a oficial era a peor de todas, no
fondo e na forma!) son outro indicio de que os tempos son chegados.
Este ano ascendemos a 1ª, seguro, o noso sitio natural.
Para iso
vainos facer falta afouteza e corazón. |
|
|
09-06-09 |
|
A peor afección
do mundo (2)
Merecidamente
xa non sómo-la peor afección do mundo. Xa lle deixamos o título os
do Betis, Sevilla ten unha cor especial, e que arte teñen todos
os andaluces.
Paseando
polos arredores de Balaídos antes do partido contra o Alavés un
grande número de conversas eran máis ou menos así:
A - E logo ti
por aquí? Outra vez?
B- Si home
si. Xa sei que ó final vai pasa-lo mesmo que contra o Murcia, pero
cando o levas dentro e creces así... qué lle queres? (cara de
resignación)
Foi todo un
orgullo ve-lo estadio o día do Murcia e mais do Alavés, pero máis
aínda foi senti-la actitude de todos, positivos, afoutos e tirando
dos xogadores cara adiante mesmo nos momentos nos que máis atacaba
o Alavés.
Agora só toca
esperar que nesta temporada 2009/10 a directiva, os técnicos e
mailos novos xogadores salden a débeda contraída coa MELLOR
AFECCIÓN do mundo:
NÓS, o CELTA!!
Afouteza e
corazón!
|
|
|
08-06-09 |
|
PAILÁNS (2)
Sábado 6 de xuño de 2009. 20.25 horas. Acaba de rematar o partido
RC Celta - Alavés en Balaídos coa victoria local por 2-1. Este
resultado deixa matemáticamente salvado ó Celta, pois a
posibilidade remota do triple empate a 46 puntos entre estes dous
equipos e mais o do Las Palmas deixa o Alavés en último lugar.
Como se pode aprezar nas diversas fotografías desta reportaxe, en
solidariedade coa afección viguesa e tamén en reciprocidade polas
manifestacións de alegría producidas en Vigo e bisbarra tralos
últimos éxitos deportivos do FCB, non só Barcelona, senón Cataluña
enteira estalan en celebracións: o afeccionado barcelonés (e
nótese que non decimos "barcelonista", porque "barcelonés" e
"catalán" son sinónimos completos, ó 100%, de "barcelonista": como
é ben sabido nin en Cataluña nin en Barcelona hai ningún outro
equipo de fútbol, e moito menos en 1ª división; tódolos cataláns e
barceloneses, sen excepción, son afeccionados do FCB) botouse á
rúa tras remata-lo partido de Balaídos
Xa desde primeira hora do día podía percibirse en Barcelona o
ambiente festivo das grandes ocasións. A cidadanía vestira
maioritariamente coa camiseta do Celta ou, no seu defecto con
cores celestes. En milleiros de balcóns e edificios ondeaban
bandeiras e estandartes célticos. Todo indicaba que ía ser un
gran día, xornada que a cidadanía barcelonesa pasou ocupada
buscando nos fornecedores de televisión por cable e satélite a
canle pola que se transmitiría o partido para Cataluña ou, cando
non atopaban ningunha, en que web se podería ver. Os sms e as
chamadas de teléfono non pararon en todo o día de concertar
citas nos bares, concentracións pre e post-partido, etc.
Durante o partido as rúas de Barcelona foron un
ermo desértico: todos estaban na casa ou nos bares atentos ó
partido co corazón nun puño. Ese ermo silencioso só se viu rachado
nas dúas ocasións nas que Iago Aspas marcou: un berro de
celebración unánime estendeuse desde a estatua de Colón ata a
Moreneta de Montserrat, e desde o Delta do Ebro ata o cabo de
Rosas e moitos afeccionados non puideron reprimir carreiras desde
as barras dos bares ata a rúa cos brazos en alto e ondeando
bufandas.
Os lugares emblemáticos do barcelonismo, na
fotografía a fonte de canaletas durante as celebracións,
rebentaban de afeccionados culés tolos de ledicia polo triunfo
céltico:
Na praza da sede do goberno autonómico catalán
bailáronse espontáneas sardanas para celebra-la permanencia do RC
Celta tras un ano agónico. Como se pode comprobar na fotografía a
seguir, a multitude lucía orgullosa e plenamente feliz bufandas e
símbolos celtistas.
Nada máis remata-lo partido por tódalas partes
o estrondo dos petardos e fogos de luces atronaba a noite
primaveral, de tal xeito que máis parecía se-la noite de fin de
ano ou a de San Xoán. Os conductores enchían tódalas prazas e rúas
da cidade (e non nos cansaremos de reiterar que tamén de toda
Cataluña), facendo soa-las bucinas e ondeando bandeiras celestes,
colapsando totalmente o tránsito de vehículos, como proban
fidedignamente as seguintes fotografías:
Desde Como sempre, o de sempre queremos
agradecer de corazón á afección barcelonesa e catalana o seu apoio
incondicional ó RC Celta e ó celtismo polas as súas manifestacións
colectivas de ledicia polo noso sino deportivo. Non esperabamos
menos da noble afección irmá despois das demostracións viguesas de
barcelonismo que, por exemplo, colapsaron a nosa Praza de América.
É outra proba máis da xenerosidade do gran país
catalán, sempre pensando nos demais antes ca neles mesmos, pondo
os caprichos innecesarios das comunidades históricas máis
desfavorecidas e menos desenvolvidas (por exemplo, o AVE a
Galicia, o auditorio de Vigo, a ampliación da Ponte de Rande) por
diante das súas lexítimas e urxentes necesidades orzamentais e de
infrastructuras. Gracias Barcelona e Cataluña!
Pois nada. Como sempre, o de sempre: Afouteza e
corazón!
|
|
|
07-06-09 |
|
Guardiola
Agora que Guardiola é Deus e nunca tal perfección humana se vira
antes no universo, en
Como sempre o de sempre queremos lembrar un
artigo de cando o FCB e mais un árbitro desvergonzado alemán,
chamado Markus Merck, nos roubaran unha eliminatoria da Copa da
Uefa.
Para se percatar da perfección de Guardiola non hai máis que
le-la noxenta reportaxe da revista dominical "Magazine" que saiu
co Faro de Vigo o domingo 7 de xuño de 2009. Sirva como exemplo
o seguinte fragmento, ampuloso e ridículo, a cargo dun tal Jaime
Collell:
En las
ruedas de prensa de esta temporada, Pep ha fabricado un
personaje suave, casi filosófico, sensato y templado, de tonos
medios, insólito entre el resto de las voces que penden del
oficio. Incluso ha obligado a los periodistas a formular
preguntas de nuevo rango e inventar hipótesis distintas a las
habituales porque él se ha situado tras el micrófono con las
respuestas ya urdidas en su mente.
Cómpre dicir tamén aquí e agora que Guardiola non se dopou
nunca, endexamais! Iso queda para Aguirrechus e Gurpegis. Un
persoaxe da súa integridade e catadura intelectual, como veñen
deixando ben claro todos os xornalistas desde hai tempo, nunca
faría iso. Seguramente eses italianos amañaron as probas
científicas e de laboratorio na súa contra.
Disfrutádeo:
¿De qué se queixa moi indignado
o intelectual, escritor, modelo de pasarela e ecuánime Guardiola
ante Losantos Omar? (Solución ó final desta sección)
Guardiola a
Losantos: "Roubádelle ó Celta! Roubádelle ó Celta!! Que nós somos
o Barça e estades a xogar coa ilusión de moita xente e de todo un
país.
¿Queixarase
sobre a falta de Luis Enrique a Giovanella? Entre os erros de
vulto que cometeu o árbitro alemán Markus Merck sobresae o da súa
miopía na falta na que Rivaldo logra o segundo gol e no que,
aparentemente , Giovanella se abre na barreira. O que pasou en
realidade foi que o xogador céltico foi empurrado por Luis
Enrique, que se atopaba detras del, xusto no momento en que
saltaba. Ademais, o barcelonista, co seu traseiro, obstaculiza a
Berizzo, que se dispuña a tapa-la zona pola que viña o balón. Esta
"picardía" do asturiano abriu o oco necesario para que o balón
lanzado por Rivaldo chegase en franquía á portería defendida por
Pinto. Giovanella manifestou: "Pensei que mo tería que tragar". E
é que o propio xogador céltico adminte que non se decatou do
detalle ata que chegou á casa, despois do partido, cando viu as
imaxes de televisión. "Pero se quen me empurra é Luis Enrique",
recoñece ter pensado. "No momento da xogada crin que o que me
desprazara fora un compañeiro. Durante o partido estaba centrado e
non me decatei de quen era quen me sacaba da posición", sinala o
xogador céltico."É Luis Enrique o que abre o oco para Rivaldo.
Despois de ve-las imaxes, nas que se aprecia, ademais, como o
propio xogador do Barcelona impide, co seu traseiro, que Berizzo
vaia ó lugar polo que vén a pelota", indica Everton Giovanella.
"Luis Enrique faino perfecto", admite o centrocampista, quen, por
outra banda, está convencido de que "esta xogada téñena ensaiada".
"Se non se desmostrase por estas imaxes o que en realidade sucedeu
a xente crería que eu abandonei a miña posición. E é que eu
pensaba o mesmo. Non era quen de entender como un compañeiro me
puido ter apartado da dirección da pelota, porque estou seguro de
que se non me tivesen empurrado o balón me daría no peito. Non
entendía como o balón puido ter pasado por aí ata que vin a
repetición en televisión".
¿Indígnase Guardiola pola man de Cocu dentro da
área? Chama poderosamente a atención o penalti non sinalado a Cocu
por unha clara man cometida na área. Un centro de Jesuli saiu
rebotado cara ó centro da área con dirección a Mostovoi, pasando a
carón do costado de Cocu, quen botou a man para evitar que o
esférico chegase ó xenio ruso, xa preparado para rematar. O
movemento da man é claro. Merk deixou sen sinalar esa pena máxima.
¿Reclama con vehemencia Guardiola o PENALTI e EXPULSIÓN de Reina a
Catanha? Tampouco quixo ver nada no penalti de Reina a Catanha,
cando queda demostrado que o guardameta culé lle impide o paso
cara ó balón con toda a perna.
¿Acaso oubea e ornea polo gol mal anulado a Cáceres?As
equivocacións do colexiado alemán adquiren un carácter de maior
gravedade no gol anulado a Mostovoi a pase de cabeza de Cáceres.
Nas imaxes pódese apreciar como Catanha pugna pola posición con
Cocu e é Reina o que entra atropelando ós dous xogadores. O
céltico apártase facendo o xiro coa perna dereita cara fóra para
evita-lo contacto co porteiro azulgrana, que no seu camiño cara ó
balón, se choca con alguén, é co propio Cocu, que non é quen de
deixar expedito o camiño ó seu porteiro. De feito, Reina chega a
saltar con Cáceres, aínda que este xa lle gañara na intención e
conecta con total limpeza o balón que chegaría á liña de gol, onde
Mostovoi remacha á rede. Xa non poden dicir que ó Celta non se lle
anulou un gol legal...
¿Se cadra
quéixase dun fóra de xogo inexistente sinalado a Jesuli? Mais non
sería só Markus Merk o que pasara por alto estas situacións nas
que o Celta saiu claramente prexudicado. Os seus xuíces de liña
tamén colaboraron nesta nefasta situación, sobre todo ó sinalaren
un fóra de xogo claramente inexistente a Jesuli cando recibía un
balón en clara posición legal para encara-lo cancerbeiro azulgrana
Reina.
Non, seguramente exáltase e berra porque no partido de ida Sergi
comete un inequívoco penalti sobre Gustavo López que ninguén (os
xornalistas tampouco) lembra nin reclama, por un agarrón
intencionado dentro da área.
Ou, non, só se
queixa de que Cocu agarra e derriba contra ó final do partido de
ida a Edú cuando este se ía en solitario hacia Reina: PENALTI e
EXPULSIÓN, e perde o partido de volta por sanción.
É moi fácil
ser xogador do Barcelona ou do Madrid. É moi fácil ser Reiziger,
corta-lo balón coa mano, agarrar a Gustavo López 20 veces e que a
tarxeta lla poñan a Gustavo.É un pracer ser Luis Enrique, repartir
golpes e couces, cuspir ós xogadores do Celta e seguir como se tal
cosa coa connivencia dos árbitros e mais dos xornalistas.É un
privilexio ser Guardiola, pita-los partidos, narralos para a radio
e ó mesmo tempo indicarlle ó árbitro cando é falta e cando é
cartón.
SOLUCIÓN:
Guardiola dille a Losantos: "Xogaches coa ilusión de moita xente,
socios e seguidores do Barcelona". Ja, ja, ja, que risa nos da!!!
É que la ilusión deles é más importante cá nosa e a eles non se
lles pode atracar, pero a nós si, e non unha nin dúas veces. Desde
que GASPART apareceu reiterada e repetidamente ORNEANDO, OUBEANDO,
RINCHANDO, MUXINDO E BARRITANDO (coidado coa febre aftosa e maila
encefalopatía esponxiforme!), o Barcelona foi descarada e
impunemente favorecido en tres partidos consecutivos: dous da UEFA
contra o Celta e un de liga contra o Mallorca. Insistimos: é moi
fácil ser do Madrid ou do Barcelona; están afeitos a gozar
continuamente de arbitraxes e erros a prol deles... é por iso que
se incomoda Guardiola, porque UNHA VEZ, erran na súa contra.
Pois nada.
Como sempre, o de sempre: Afouteza e corazón!
|
|
|
07-05-09 |
|
O metal, o
naval e o fascismo
Vaia por diante de xeito alto e
claro que as REIVINDICACIÓNS LABORAIS E SALARIAIS destes dous sectores son
SEMPRE máis que XUSTIFICADAS, LEXÍTIMAS, LÍCITAS, XUSTAS e NECESARIAS.
Apoiámolos e solidarizámonos de corazón con eles e aínda máis tralos plantóns e
desplantes que lles dá a patronal, como sucedeu o martes 5 de maio de 2009.
Máis hai que dici-la
verdade xa e non calar máis. Non hai dereito a que cada vez que fan folga poñan
a cidade patas arriba. Non poden impedir que os demais traballadores e sectores
productivos desenvolvan a súa actividade laboral e mesmo familiar cotiá de xeito
normal. Non poden destrozar vandálica e impunemente o mobiliario urbano,
destrozos que pagamos entre todos.
É inadmisible que ataquen
e ameacen a conductores e raien vehículos particulares. É unha vergoña que
maltraten e mesmo destrúan negocios particulares de pequenas empresas
unifamiliares que abondo teñen con saír adiante día a día. Non se pode permitir
que impoñan o imperio do medo pola rúa, que leven serras mecánicas para ameazar
ós conductores, que bares e negocios pechen ó seu paso, que os peóns se agochen
nos portais ou mesmo queden na casa suspendendo ou aprazando xestións ata que
eses salvaxes acaban as súas manifestacións,
É incomprensible e
imperdoable o que fixeron na delegación da Xunta de Montero Ríos cando guindaron
centos de expedientes e outra documentación polas fiestras, arrasando todo canto
atopaban ó seu paso... e que aínda por riba protesten e se fagan as víctimas
cando a xustiza (tarde, como sempre) lles impón unha mínima e tímida condea. A
cantos de nós prexudicaron en xestións vitais pola destrucción de toda esa
documentación na Xunta? Seguro que ata se prexudicaron a moitos deles mesmos ou
ás súas propias familias.
É imperativo denunciar
tamén que é o sindicato CIG o principal culpable de mete-los cans na bouza cada
vez que hai folga. E que contan coa connivencia e mailo silencio cómplice de
tódolos outros sindicatos... e de toda a cidadanía cando calamos e lles deixamos
facer.
Por non falar xa do que
eufemísticamente dan en chamar "piquetes informativos": grupos violentos que
abusando do seu dereito á folga e á libre expresión impiden pola coacción da
forza bruta, animalizada e salvaxe, que outros traballadores do gremio exerzan o
seu dereito ó traballo. É moi lícito que quen así o desexe faga folga, pero é
igual de lícito que non a fagan os que non estean de acordo. Como en tantas
outras ocasión nestes tempos no noso país, prodúcese unha colisión de dereitos,
perfecta e fácilmente evitable, na que se acaban impoñendo as hordas de hunos
privando ós demais dos seus dereitos.
Noutros gremios cando
vamos á folga facémolo libre e responsablemente, en conciencia individual e
persoal, sen imporlla a ninguén e sen molestar ós demais cidadáns porque xa é
molestia abonda para a patronal, clientes, cidadáns e colegas que un sector
pare, aínda que non sexa de xeito uniforme e maioritario. Xa bastantes dores de
cabeza produce que unha soa peza dunha maquinaria non traballe, por
insignificante que esa peza sexa, para que, aínda por riba, anden a amolar,
amezar e aldraxa-lo resto do mundo.
Está ben que se
manifesten pola rúa, que nos fagan saber o que queren. Mais non é admisible que
cando lles peta anden a destroza-los espellos retrovisores dos coches
estacionados, racha-los cristais dos escaparates das tendas e comercios, entrar
en bares e pequenos negocios para botar fóra ós seareiros pola forza e mesmo, en
moitas ocasións, arrasar co local se non dan o brazo a torcer, ameaza-los
clientes das grandes superficies e impedírlle-la entrada ós centros comerciais,
atravesar na calzada e queimar contedores de lixo, cortar rúas, estradas e túneles e
impedir que outros traballadores cheguen puntuais ós seus centros de traballo,
etc. etc.
Este comportamento
antidemocrático que se repite sistemáticamente en cada convocatoria de folga só
ten un nome, e hai que dicilo alto e claro: FASCISMO!! Son uns FASCISTAS. O seu
discurso non o será e alegarán que a súa ideoloxía tampouco o é, mais sen dúbida
a súa conducta non merece outro calificativo, polo que o repetiremos: FASCISTAS,
FASCISTAS, FASCISTAS!!!!
As súas reivindicacións,
xustas e lícitas, perden toda a súa forza e o apoio cidadán ó procederen así,
porque évos ben certo que quen perde as formas perde a razón.
Máis lles valía ter
nobreza, pois o seu comportamento é animal, salvaxe, indigno, inadmisible e, non
nos cansaremos de repetir, ANTIDEMOCRÁTICO E FASCISTA.
Pois nada, como sempre, o
de sempre: afouteza e corazón.
|
|
|
05-05-09 |
|
PAILÁNS!!
Que vergoña e noxo pasei o
sábado 2 de maio a conto do que agora dan en chamar, ó estilo
rioplatense, "clásico" do fútbol español.
Ía
pola Gran Vía arriba, á altura do que era o Cluny (outro pelotazo
urbanístico da cidade, mira que che son listas as monxiñas: está
prohibido deslocalizar instalacións escolares do centro urbano,
pero parece ser que aínda que tódolos animais somos iguais, algúns
son máis iguais ca outros; total para quedar na Estrada Provincial
e repeti-la manobra dentro duns cantos anos, como o R. Madrid coa
súa cidade deportiva...) cando un pailán saca medio corpo fóra do
coche e axita unha bandeira do Barcelona ó tempo que se escoita un
rebumbio xeralizado procendente dos catro puntos cardinais:
marcaba o Barna o segundo gol.
Cheguei á casa e oín estouridos e petardos varios, bocinas e
berros de ledicia. Puxen o teletexto e vin que o Barna sentenciara
a liga. Chamoume un amigo aldraxado porque estaba nun bar vendo
como un árbitro impresentable nos roubaba outro partido máis, esta
vez contra a Real Sociedade, e o dono cambiou de canle para poñe-la
merda do partido "do século" entre a aprobación e o xúbilo da
parroquia de seareiros, quedando os celtistas sen poder ve-la fin
dun partido crucial, que pola inquina do árbitro nos podía ter
afundido preto do Alavés. Cóntame outro que indo o sábado á noite
por unha rúa de Vigo, vestido cunha camiseta do Celta,
escoitoulle dicir a un rapaz, "velaí o escudo da merda do Celta"
(sic)...
Chego o luns a traballar e vexo cantidade de camisetas do
Barcelona, moitos sorrisos nunhas caras e moitas outras agachadas,
tentando pasar desapercibidas.
Así somos nós, os
galegos e, en particular, os vigueses , aínda que nos doa: pailáns,
pailarocos, lelos, parvos, paifocos, palurdos, viraventos, xentiña
de pouco carácter...
E así nos tratan
desde todas partes: illados e esquecidos. Babeamos por dous
equipos, un a 600 km e outro a máis de 1.000 km de distancia. Son
síntomas concretos dun campo menor como é o fútbol, mais moi
indicativos dun mal maior, moi grave, que afecta a quen somos e
como somos, como nos vemos e percibimos e como nos
desenvolvemos... outra vez o auto-odio. Non é de estranar que as
autovías tardaran o que tardaron en chegar aquí e cando chegaron
que trazado de tolos tiñan (só hai que ver a subida a Puxeiros por
ámbalas dúas abas). A ninguén lle pode parecer raro o vacile que
nos están a meter, uns e outros, co AVE. Non debería causar
admiración que dentro de Galicia aínda estea Vigo á cola de todo
beneficio, infraestrutura, xulgado, rexistro, delegación, etc.,
sendo como é o motor industrial, de población e o que aporta o
groso do PIB de Galicia. Non pode sorprender que Zapatero ceda no
financiamento ante Cataluña e Andalucía e non quede nada para nós.
Como xa teño escrito
outras veces, témo-lo que nos merecemos, por pailáns. Mira que
preferir ir dun equipo alleo que por un da terra... Eu entendo que
alguén que viva no deserto (deserto en tódolos sentidos: físico,
xeográfico, mental, vital, etc.) de Valladolid, Palencia, Teruel
ou Albacete se identifique cos equipos gañadores, cos mal chamados
"grandes". Pero nós, aquí... que necesidade temos diso? E máis
vendo como están de adulteradas as competicións, como sempre teñen
que gaña-los mesmos, sota, cabalo e rei, vendo como nos tratan os
xornalistas deportivos, os árbitros e mailos comités.
Pregade porque non
sexa eu presidente do Celta nunca, porque o día que chegaran o
Madrid ou o Barna, ía poñe-las entradas a un prezo que se ía a
enterar toda a pailanada.
Pois nada, como
sempre, o de sempre: afouteza e corazón.
|
|
|
01-02-09 |
|
ABRIR VIGO O
MAR
Velaquí a penúltima monstruosidade viguesa. Aquí, nun extremo da
praia do Vao, xunto ó Breadouro, houbo durante anos un chiringuito
de planta baixa, discreto e inconspicuo, que non tapaba as vistas
a ninguén. Desde o punto onde foron tomadas estas fotografías a
penas era visible e, desde logo, non impedía nin entorpecía a
visión dunha pinga de auga. Foi derrubado porque disque era
ilegal. Correcto. Todos temos que cumpri-la lei... mais vistas
estas fotos, parece que, como na fábula de Orwell, "tódolos
animais somos iguais, pero algúns animais son máis iguais ca
outros".
A Lei de Costas di
que non se pode construir a menos de 200 m do punto da marea alta.
Pois xa vemos como se cumpre en Vigo a lei. Seguramente esta
construcción para hostelería teña licenza municipal en regra e
sexa todo legal, pero seguro que ético e moral non é: sotos,
planta baixa, e outro andar (e ata con ascensor!), a 50 metros
escasos da marea alta. A só 15 metros da area. Hai que te-la cara
moi dura.
Hoxe aínda hai
vistas... a través dos piares e das placas. Pero o día que empecen
a ergue-las paredes, alá perdímo-los vigueses outra perspectiva
máis, quedamos sen outra riqueza intanxible pero inconmensurable.
De quen é a culpa? De todos nós, vigueses, que o permitimos.
Esta cidade non ten
esperanza. ¿Fiel, leal, valerosa e sempre benéfica? Xa foron
tempos, porque o que é hoxe en día. Miña madriña! Disfrutando dun
contorno natural único no mundo, conseguimos facer durante décadas
un adefesio espantoso (rúas como a Tvía. de Vigo, Pi e Margall,
Torrecedeira, etc.). Pero non damos aprendido, seguimos e
seguiremos destruíndo canto bo nos rodea en aras dunha pretendida
modernidade e dun falso progreso (por certo, outro día hei falar
dos recheos na Ría e do aparcadoiro de coches da Zona Franca no
medio do mar).
De momento só está
feito o esqueleto do monstro. Imos ver, cando estea rematado, que
pinta vai ter. Xa dixen no parágrafo anterior que esta cidade non
ten esperanza, así que estéticamente non espero moito máis do que
ofrecía o Celta de JM López Caro ou o que está a ofrecer o de Pepe
Murcia.
Que noxo! Que mágoa!
O que necesitabamos era afouteza e corazón para acabar con toda
esta caterva de especuladores egoístas que nos rodea: políticos,
promotores e constructores.
Pois iso, afouteza e
corazón
|
|
|
26-11-08 |
|
MUNDIAL 2018
Queren pedir que o Mundial de
fútbol do 2018 se celebre en España. Non sei se a petición sae da
federación ou do goberno. O que si sei é que aí hai moitos cartos
polo medio. Moito novo estadio, moitas recalificacións
urbanísticas, moitas reformas, moitos promotores, constructores,
empresas de xestión de acontecementos, etc. Moitos, moitos cartos.
Os defensores do todo vale que levaron ó mundo a esta crise
galopante do 2008 dirán que así se potencia a obra pública, a
creación de emprego e a reactivación da economía. Da economía de
quen, pregúntome eu, porque a miña anda sempre desactivada.
O caso é que eu xa
vos teño unha idade e lembro que no mundial do 82 Vigo foi a sede
central do grupo de Italia (que acabaría por se-la campiona daquel
mundial), Polonia (acabou 3ª, por diante da Francia do
insoportable e prepotente Platini, outro multitarea tal como
Guardiola: xogador e o mesmo tempo adestrador, árbitro e
comentarista do partido), Camerún (equipo revelación daquel
campionato) e Perú. Italia, escolleu xogar en Vigo, por riba
doutras sedes da península. Como cabeza de serie do seu grupo,
disputou os seus 3 partidos en Vigo. Os outros 3 partidos entre os
outros equipos xogáronse na sub-sede, nun estadio feo, pequeno,
mal feito e con só 3 bancadas (detrás dunha das porterías había un
pavillón de deportes, pero non espectadores). Todo canto acto
protocolario oficial e oficioso se celebrou naquel grupo tivo
lugar en Vigo, como sede central do grupo. Mesmo no primeiro
partido, Italia-Polonia, rompeuse o estricto protocolo e, en lugar
de soar exclusivamente os himnos dos equipos participantes, o
responsable da megafonía de Balaídos con afouteza, corazón, xeito
e sentidiño puxo primeiro de todo o himno galego. O realizador de
televisión non tiña nin idea e foi amosando unha a unha as caras
dos xogadores polacos (entre eles o gran Boniek). Lembro
claramente que TVE mandara de comentarista a un tal Miguel Vila,
presentador de programas infantís e rapaz-para-todo-cando-non-temos-a-quen-poñer.
Como non tiña nin idea do que estaba pasando, afirmou rotundo que
os xogadores polacos escoitaban o seu himno "visiblemente
emocionados", mentres na bancada se cantaba claramente "Que din as
altas copas de escuro arume arpado?". Xenial. Aínda me doe o
bandullo de tanto que rin.
Lembro tamén que nos
fixeron unha bancada nova para Río, daquela toda unha modernidade
e ben grande e bonita (por certo, fixérana unha das empresas de
Ruíz Mateos). Recordo que houbera reformas, ampliacións e melloras
en tódo-los estadios e que en Valladolid lles fixeran un estadio
novo (o vello estaba máis o menos onde hoxe teñen o Corte Inglés,
no Paseo de Zorrilla). Non sei se en Elxe ou en Alicante tamén
lles fixeran un novo, non estou certo deste dato.
Todo isto vén a conto de que
desde 1982 Vigo perdeu o seu pulo, toda a forza e importancia en
Galicia. Estou ben seguro de que se se chega a celebrar o mundial
de 2018 en España Vigo non vai ser sede de ningún tipo. E de
chegar a ser, non sería cabeza de serie, nin moito menos, en todo
caso sería subalterna daquela subsede do ano 82: que volta lle
deron á tortilla! E nós, como sempre o de sempre, deixámonos.
Levamos anos a voltas
coa construcción dun estadio novo en Vigo. Parece que o mundial
podería se-la ocasión ideal. Perdede coidado, non vai pasar nada,
como moito algunha reformiña menor para nos tapa-la boca. Pero xa
veremos a quen lles recalifican terreos, a quen lles fan estadios
novos, etc. etc. Aposto por algún lugar ó outro extremo da
autopista (e non me refiro a Ferrol), por non falar xa do resto da
Península. Como sempre, máis orzamentos e máis cartos para os
mesmos. Agora ata perderon a discreción e a vergoña. A.C. Cerdoiro
tivo o morro de pedir en público que o Xacobeo sexa o seu
patrocinador... e non só iso, ata se atreveu a esixir un prezo do
patrocinio. O que pasou en realidade é que era o Celta quen
negociaba coa xunta o tal patrocinio. Cerdoiro, quen manexa a súa
sociedade privada sempre cun ollo posto no Celta, imitando,
copiando e tentando desbaratar fichaxes e outras operacións, fixo
como xa ten feito moitas veces: mete-los fuciños en negocios
alleos e, cheo de ciumes, dicir que el tamén quere o que primeiro
se lle ocorriu ó Celta. E estou certo de que se vai saír coa súa.
Cada cousa que se propón sáelle ben, e esta tamén lle ha saír:
fastidiará o noso patrocinio e será a súa sociedade a que quede
cos beneficios. Ata o Pontevedra conseguiu que lles financiasen
bancadas novas. Mentres, para nós, nada. Pois cando chova
seguiremos levando o paraugas a Río Alto ata o 2018, a ver se
daquela arranxan as goteiras.
Pois nada, como
sempre, o de sempre: afouteza e corazón. |
|
|
27-10-08 |
|
A MADROA vs LEZAMA
Como vén sucedendo case tódolos anos o
noso filial asoballou o filial do Athletic Club por 0-3. Así
titulou a súa crónica "La Voz de Galicia" (escollo este diario a
concienza, por non seren estes sarracenos sospeitosos de celtismo
precisamente): "Recital de xogo e goles do filial celeste en
Lezama ante un Bilbao Athletic entregado". E inclúo un par
extractos: "Foi un auténtico repaso futbolístico e de oficio sobre
uns cachorros que nunca deron mostras de poder conte-las avalachas
visitantes (...) Non houbo reacción porque os cachorros non podían
coa efectividade e o bo facer dos galegos."
Pois ben, a seguir van as aliñazóns de
ambos equipos e xa veremos en dous, tres ou como moito catro anos,
cantos dos nosos chegaron, xa non ó primeiro equipo, senón a 1ª
división en calquera outro (xa por non falar de 2ª)... e a ver
cantos dos do Athletic. Eu aposto a que dos vascos chegan a xogar
en 1ª máis do doble de xogadores nosos. Esperemos conservar este
arquivo e alá polas temporadas 2010/11, 2011/12 e 2012/13 facémo-la
comprobación
ATHLETIC
CLUB B |
R.C.
CELTA B |
Mandaluniz |
Joel |
Larrea |
Guardado |
Etxebarria (Etxeita) |
Alba |
Ekiza |
Jordi |
Íñigo Pérez |
Pastoriza |
Oinatz |
Aicart |
Soberon |
Ferrán
(Aspas) |
Adrien Goñi |
Cristian
García |
Enziondo
(Líbano) |
Jonathan
Álvarez |
Kijera (Julen
Goñi) |
Mateo (Ruíz) |
Ismael López |
Oriol (Dani
Gail) |
Por outra banda, repasando a nosa
aliñazón asombra comprobar canto nome e apelido 100% galego
enxebre teñen os nosos xogadores: Guardado, Jordi, Aicart, Ferrán,
Oriol, Gail... así nos loce o pelo. Máis nos valía facer como o
Athletic Club, exemplo claro de como hai que traballar. Peor do
que nos vai non nos ía ir (de feito, xa non nos pode ir). En
Bilbao, en Euskadi, a ilusión dos rapaces é xogar no Athletic e
esas son as camisetas que piden, non como aquí, pailáns que somos,
onde se ven pola rúa máis camisetas do Madrid, do Barcelona e
mesmo do Manchester cás nosas. Cuestión de identidade, de orgullo
e de auto-odio. Pero iso todo está xa estudado e escrito. E así
nos vai, a Galiza en xeral e a Vigo en particular, e non só no
futbolístico, senón en infraestruturas, orzamentos etc.
Pero claro, home,
aquí sómosvos tan modernos que adoptamos cos ollos pechados canto
costume forasteiro existe: a feira de abril en Vigo! en pleno mes
de maio!! Non podiamos ser máis pailáns. Atá sei de colexios que
non perdoan ano tras ano a feira de abril, con chapeu cordobés os
rapaces e traxe de xitana as rapazas, facendo que os alumnos
bailen sevillanas, aserejés e outras bazofias sen que escoitasen
nunca, xamais na vida, música galega algunha. Que noxooo!!! E que
me dicides do costume madrileño do Roscón de Reis que están a
impór as panaderías por interese propio obvio... aquí nunca
existiu tal costume. O roscón, como ben sabe todo padriño que se
prece, é pola Pascua! (por certo, á merda con todos eses ovos de
Pascua, ocos por dentro, símbolo do baleiro total de importar
costumes alleos: onde estea un bo roscón, se pode ser de xema dos
da Guarda, que se quiten as larpeiradas esas de 4ª categoría).
Do mesmo modo, xa
abonda de oír falar do "duende" andaluz e que ninguén lembre que
nós, os galegos, temos "xeito", ou que unha rapaza pode ser "xeitosiña"...
hala, intentade traducilo a outro idioma: achegar, poderedes
achegarvos, mais dar coa traducción exacta, fiel e cabal...
imposible! Porque a nosa lingua ten moito xeito, aínda que os
xenófilos, amantes de todo o que nos sexa alleo, non o queiran ver
(en realidade, non o poden entender)
E despois chega a
imitación da metrópole/potencia colonial catalana: polo día do
libro, agora somos tan parvos de mercar tamén unha rosa... que
non, conas!!! que nunca cousa tal se fixo por aquí!! A ver se
paramos de imitar os demais e potenciamos o noso! Vivan o magosto
e a matanza do porco, invencións galegas, copiadas só por Portugal
e que ninguén máis imita. Por que sera que nos telexornais
nacionais todos, ano a ano, nos abafan coa inauguración da feira
de abril, co Sant Jordi, etc. etc., e nunca din nin chío do
magosto, nin do San Martiño, nin do día das Letras. Ata esqueceron
o día de Santiago... Queda todo reflectido no feito de que Iago
Falque agora e Falqué, con til, xa é catalán e non galeo, e Dani
Abalo pasou para os comentaristas do Canal + a ser Ábalo,
esdrúxulo, que en anglosaxón soa mellor ca en galego.
Outro clásico da nosa
pailanada é o Halloween, que aquí existiu sempre, pero nós
chamámoslle Difuntos. Agora os centros comerciais, e mailas tendas
de xoguetes e disfraces queren convertilo nun novo entroido, pero
non por iniciativa propia, nun arranque de xenialidade, senón por
burda imitación do costume que os emigrantes irlandeses levaron ós
EE UU, culpables últimos de nolo impor por medio desta
globalización mal entendida que agora arruina ó mundo enteiro.
Aquí cabazos baleiros usáronse sempre por difuntos, mais agora
amola ver que monas de repetición podemos chegar a ser.
E ollo, que dentro de
nada imos celebrar o San Padraig irlandés por todo o alto, como
queren impor tódolos bares pseudo-pubs-irlandeses. Mais iso si,
outra tradición que non vén directa de Eire, senón de rebote a
través, como non, como sempre os de sempre, de EE UU.
Pois iso, afouteza e corazón. |
|
|
17-06-08 |
|
O
PUPAS SOMOS NÓS
Xa
estou farto de escoitar á madrileñada toda chamarlle ó Patético
de Madrid "o pupas". Que queixa poderá ter un equipo
que ten o favor dun amplísimo sector da prensa e de moitos políticos.
Que nunca sufriu un revés importante fóra do campo e que contou
coa connivencia das autoridades durante o mandato de Gil (aquel
impresentable que na sé da LFP mallara no presidente e no xerente
da SD Compostela e logo interpuxo os seus gardacostas para non
chupar o que merecía, sen recibir castigo ningún, nin legal nin
federativo). Uns caraduras que gastan o que non teñen, todas as
autoridades fan a vista gorda e volven gastar á seguinte
temporada outra vez sen medida. Un equipo que nos roubou o
primeiro partido do Celta que eu lembro ter presenciado de neno en
Balaídos (creo que na temporada 1973/74) despois de ir gañando nós
1-0 o árbitro conseguiu, entre o escándalo da bancada que o Patético
gañara 1-3. Tan escandaloso fora a cousa que o daquela alcalde de
Vigo (penso que era un tal Ramilo) mandara á policía municipal
que prendera o árbitro por escándalo público.
Nós
si que somos o verdadeiro pupas: A federación negounos o ascenso
conseguido legal e merecidmente no campo varias veces nos anos 30.
Matáronnos a un xerente uns cacos que roubaron catro duros.
Quedounos un xogador titular, aínda novo e con futuro por diante,
en cadeira de rodas nun accidente de tráfico. Descendéronnos a 2ª
B administrativamente por non presentar uns avais bancarios.
Roubáronnnos outro ascenso conseguido no campo por presunta aliñación
indebida. Aturamos durante anos a un periodista como Eiroa (afeccionado
confeso do Pontevedra CF, outros envexosos ós que tamén lles hai
que botar de comer á parte) que en vez de defende-la cidade e
mailo equipo como fan todos os corresponsais, cada vez que
conectaban desde Madrid botaba pestes contra Vigo e mailo Celta.
Ata lembro un domingo de sol e calor e o moi cara dura dixo na
conexión que chovía... Temos un presidente inepto que nos leva a
ruína (Mouriño). Quedamos en tres ocasións fóra da copa da
UEFA (contra o Olympic de Marsella, contra o Lens e contra o
Barna) por auténtica mala fortuna cando xogabámo-lo mellor fútbol
de Europa. Ben, no caso do Barna non fora por mala sorte, senón
por roubo total e absoluto do árbitro Marcus Merck que non parou
ata facer que o Barna se clasificase inmerecidamente. Non entramos
na Champions un ano que merecimos gaña-la liga porque, mermado o
equipo polas lesións, perdemos contra o Patético no derradeiro
partido de liga cando nos abondaba o empate e eles non tiñan gañado
un só partido fóra en toda a temporada. Perdémo-la primeira
final de copa contra o Sevilla por ter que xogar poucos días
antes un partido de desempate e quedar mancados xogadores.
Perdemos outra final por penaltis. Na segunda final contra o
Zaragoza, en 2001, o árbitro non quixo ver un penalti claro e
alevoso sobre Juanfran cando iamos perdendo 2-1. Esa final non lla
deixaron disputar ó xogador noso máis desequilibrante do
momento, Jesuli, porque o árbitro do partido de volta da
semifinal contra o Barna (outra vez eses noxentos) inventara unha
expulsión non rigurosa, senón totalmente caprichosa e
inxustificada, destinada a aplaca-las iras dos cataláns, que
estaban quedando eliminados)... Entón, ¿Somos ou non nós o
verdadeiro pupas?
Fixádevos
se temos mala sorte, que cando gañámo-lo primeiro título
europeo para o fútbol galego, a Copa Intertoto, era un título
sen valor nin importancia ningunha e sen embargo, agora, en 2008
parece ser, como di a TVG entre outros, que é todo un éxito
conseguir clasificarse para disputalo (ollo, que non digo gañalo),
e iso que dous equipos que quedaron por riba do teu na clasificación
non se apuntaron para xogalo... E aínda máis: se seremos
desgraciadiños que no trofeo Teresa Herrera sempre se invitou ó
campión a defende-lo seu título ó ano seguinte... agás cando
gañou o Celta.
Pois
iso, afouteza e corazón.
|
|
|
23-05-08 |
|
EU NON ESQUEZO: QUE
NOXO!
Hai
uns días escoitei na radio que se o Alavés descendía a 2ª B
desaparecería case con total seguridade. ¡Pois a ver se é
verdade! Eses indesexables foron xunto co Cádiz e mailo Huelva os
que nos denunciaron no caso Toni Moral, nun uso claramente
torticeiro e malicioso dunha norma ideada para protexe-las
canteiras, Certamente o Celta se despistou, mais era evidente que
non se maltratou o xogador nin houbo adulteración da competición...
En realidade si a houbo, pero foi máis tarde, cando nos quitaron
os puntos gañados xustamente no terreo de xogo. O meu desprezo
eterno para eses tres equipiños... e para o Comité de
Competición
(preme
aquí para ve-la foto) que tanto rigor amosa sempre que se
trata do Celta. Que voltas dá o destino, pois o Alavés acabou
fichando a Toni Moral. Vendo as entradas do estadio do Alavés, máis
ou menos como as nosas, pregúntome onde irán todos aqueles
siareiros que fixeron imprimi-los seus nomes nunhas camisetas de
cor rosa cando xogaron a UEFA. Se hai sorte aínda os veremos ou
os faremos descender a 2ªB no derradeiro partido desta liga 07/08
en Balaídos. Qué doce vinganza!
Do
mesmo xeito, han algún día han apodrecer na ignominia que
merecen o Albacete (case xa está) e mailo Valladolid (tamén lle
ha llegar o seu San Martiño), por voitres carroñeiros no caso
dos famosos avais. Neste caso o Celta non cumpriu polo rebumbio e
desorganización da chegada de Horacio Gómez á presidencia. Como
quedou demostrado na tumultuosa asemblea de accionistas celebrada
no pavillón das Travesas, a xerente Angelines tivo toda a culpa
(que lle quixeron cargar a Javier Maté), mais Horacio, como máximo
responsable en última e primeira instancia, non quixo facer máis
sangue que poñela a traballar nas tarefas administrativas máis
baixas. Pero hai que contalo todo. O Celta presentou os avais con
12 horas de retraso: pechábase ó prazo a medianoite e os parvos
dos nosos directivos acordaron tarde e presentáron a documentación
ó mediodía seguinte... de novo sen ánimo de incumprir nin
salta-la regla. Máis o R. Madrid e o D. Coruña presentaron os
avais con máis de media hora de retraso cando o prazo xa
rematara... Por que é aceptable un retraso de 30 minutos e non o
é de 12 horas? Se hai un prazo haberá que cumplilo e de faceren
manga ancha con algúns terán que facela con todos. Estouvos
convencidos de que o que nos salvou foi que o Sevilla tamén
metera a pata. Tede por seguro que chegamos a estar nós sós e
imos para 2ª B sen remedio, e o enano manipulador de Butanito non
tería movido un dedo por nós.
Máis
da radio: o martes 22 de abril de 2008 De la Morena fai a
introducción previa ó seu programa alegrándose da fin dos dous
anos de sanción a Gurpegi e insistindo na súa inocencia. Fai
falta te-la cara dura de dála absolución radiofónica a Gurpegi
cando nunca moveron un dedo por Giovanella e mofáronse todo o que
quixeron do pobre Agirrechu (sobre todo o pseudoperiodista Alcalá,
un inepto que fixo a meta da súa vida meterse co gran ciclista
Abraham Olano e a súa muller). Tamén se fartaron a defender a
Guardiola (si, ho, aquel xogador do Barna que tiña o gran talento
de dicirlle ó arbitro o que tiña que pitar en cada momento en
vez de xogar ó fútbol), outro inocente, que nunca tomou nada,
pobriño. Como sempre, o de sempre, mano dura cos nosos.
Mais
todos estes agravios non son novos. Como podedes leer na sección
de Historia desta web a inquina federativa do Celta vén de lonxe:
xa na década dos 30 do século XX a federación ideou diferentes
xeitos para nos impedir ascender como tiñamos gañado xustamente
no terreo de xogo.
E
postos a falar de merdentos non podía esquecer á selección de
Camerún, a Eto'o e ó Barna pola actitude denigrante e
desprezable dos africáns eses antes do partido contra a selección
de Galiza. Pola "obxección" de Eto'o a xogalo e pola
actitude ambigua de Laporta e directiva que non se atreveron a
prohibi-la presenza de Eto'o no partido. Non llo prohibiron aberta
e públicamente porque tamén xogaba a selección catalana por
aquelas datas, pero polas costas fixeron todo e máis para que non
xogara. Iso si, ó final levaron o seu merecido cando o pobre do
seu porteiro reserva quedou mancado de gravidade no partido
Euskadi-Cataluña.... ¿e a quen tiveron que recurrir? Mira ti,
home, a Pinto, porteiro dun equipo galego, cuxa selección
desprezaron e ningunearon descaradamente.
Albacete,
Valladolid, D. Coruña, Camerún, Butanito, De la Morena, Alcalá,
Joseba, Laporta, Eto'o... merda para vos! merda eterna para todos
vos!
Pois
iso, afouteza e corazón.
P.S.:
Esquecía a afección do Zaragoza, outra esixente do estilo da dos
cans sarnosos sarracenos ou a do Valencia. Merda para eles tamén,
a sufri-las hemorroides de 2ª división en silencio. Non lles
perdoarei nunca que trala final do ano 1994 na que tan bo ambiente
houbera, recibiran cuns tremendos asubíos e apupos ó Celta
na Romareda ó domingo seguinte. Que mosca lles tería picado a
eses para nos tratar así. Parvos, máis que parvos, merda para
vós tamén. |
|
|
14-04-08 |
|
NON SABEN O HIMNO
No
principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
(...) E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda.
Que
poder ten a palabra! É o que nos distingue como especie. O que
nos levou a domina-lo planeta por riba doutros animais máis
fortes e mellor adaptados ó medio. Sen palabra non existimos. Non
somos. Non pensamos. Porque todo o noso entendemento, o que somos,
temos, desexamos, tememos, todo, é palabra. Non somos quen de
pensar sen palabra: o noso raciocinio é unha corrente continua e
imparable, máis ou menos fluída e mellor ou peor artellada, de
palabras. É certo que tamén temos sensacións, percibimos
sabores, olores, cores, dor, pracer, frío, calor, etc. pero
inevitablemente a cada unha lle asociamos unha palabra que a
designa. A palabra nos identifica: é a nosa identidade. Tan
importante é que, como se ve arriba, no prólogo do Evanxeo
según San Xoán se iguala a palabra ("logos",
"verbo") a Deus e a Xesús, e San Paulo na súa carta ós
Hebreos escribiu (1, 3) "El sostén tódalas cousas coa súa
poderosa palabra".
No
Celta temos himno. E a diferencia do de España, o noso si que ten
letra e se pode cantar. E con orgullo. Mágoa que dende o
presidente Mouriño ata o último xogador e pasando por todo o
persoal intermedio (en especial, Ramón Martínez) non o saiban .
E ben que lles viría. O himno identifícanos e dános forma. E
por se fose pouco, temos tres, e cada un describe un matiz do noso
ser celtista: o oficial "Hala Celta a demostrar", o
oficioso-enxebre "Díxolle ó sobriño o tío" e a
"Rianxeira", este último adoptado por nós en primeiro
lugar e despois, como sempre, imitado polos copións do norte.
Mesmo Patxi Salinas se emocionaba narrando no programa
"Supervivientes" como se lle puña a carne de galiña ó
ver o estadio cantando a Rianxeira coas bufandas ó vento. El si
que captou a idea e non a caterva esa que nos goberna agora.
Outros
equipos non teñen himno ou, como no caso dos cans sarracenos,
fixeron un nos últimos tempos a remolque dos éxitos efémeros e
pasaxeiros: aires de novos ricos pailáns, querer e non poder. E
así lles saiu: unha bazofia baldeira de contido, reiterativa e
digna de ser cantada por Pili Pampín nas verbenas de verán
máis cotrosas e paifocas, ou mesmo por un grupo que leva o nome
dun barrio de churrianas (seguramente unha homenaxe ás súas nais),
liderado polo "ideólogo" bravú (pallasos!): Y digo
Vomitivo, vamos a aburrir en este partido. Y digo Vomitivo, tivo,
tivo.
Toda
esta recente tempada de chascos e desidia (non só na temporada
2007/08 senón tamén noutras recentes) vén de non facer caso do
himno: "...que o teu lema é nobre xogo, afouteza e corazón".
Resulta evidente que o plantel actual carece desas tres virtudes.
Pensan que o nome que levan escrito nas costas da camiseta é máis
importante có do escudo que levan no peito. Normal: etá feito a
imaxe e semellanza da directiva e do corpo técnico. Reto a
Carlos Mouriño, a Ramón Martínez ou a Cannobio a que canten o
himno sen karaoke. De todos os que están aí só o deben saber
Roberto Lago e Borja Oubiña (e por se acaso non os reto, non vaia
se-lo demo).
No
Barcelona, por exemplo, téñeno máis claro e de aí a
recomendación da directiva ós xogadores para que aprendan o
idioma do país. Xa hai anos saíran na tele Pim e Pom (os
xemelgos de Boer) en clases particulares de catalán. En Bilbao a
ilusión dos rapaces é xogar no Athletic e esas son as camisetas
que piden, non como aquí, pailáns que somos, onde se ven pola rúa
máis camisetas do Madrid, do Barcelona e mesmo do Manchester cás
nosas. Cuestión de identidade, de orgullo e de auto-odio.
Pero iso todo está xa estudado e escrito. E así nos loce o pelo,
e non só no futbolístico: as últimas merdas ninguneadas e
esquecidas.
A
preparación da vindeira temporada, de tódalas temporadas, debería
empezar por aprende-lo himno, asumilo, facelo propio e sacalo ó
campo. E de paso tamén poden aprende-lo lema de Vigo: "Fiel,
leal, valerosa e sempre benéfica". Hai que darlle
importancia ós símbolos, ós uniformes, ós xestos, ós
discursos... Xa dixen que a palabra nos artella, nos fai homes,
fala de nós, nos identifica e nos cualifica. E así faría o
himno cos xogadores. Desde hai moito tempo as organizacións,
entidadades, colexios, etc. teñen lemas e por algo será:
Ut
prosim ("que eu sexa útil"),
Labor omnia vincit
("o traballo todo o pode"), etc.
Esas palabras
encarnan a misión e maila visión desas compañías: o que son, o
que queren ser e, sobre todo, o que ofrecen e queren trasmitir. En
moitos deportes os equipos antes do partido fan unha piña coas
mans xuntas e berran un lema que os une e anima. No Celta non se
ve nada disto, ningún síntoma de unión, de perseguir unha meta
común. Nada. E así nos vai
Daquela,
a estudar e a cantar.
Pois
iso, esta vez con máis razón que nunca, afouteza e corazón.
|
|
|
09-04-2008 |
|
A PEOR AFECCIÓN DO MUNDO
Non,
seguramente non gañamos nin ese título, porque peores que nos aínda
son os do Valencia co seu insoportable e incomprensible gusto polo
ruído, ou os sarracenos, que aínda están a vivi-las vacas
gordas, mais xa me contaredes cando lles cheguen as flacas, que
lles han chegar, ho, que o seu sitio natural é a 2ª e daquela xa
veremos as bancadas e os petos baldeiros.
Se
non somo-los peores, andámoslle por aí. Non nos vale nada,
sempre queremos máis, e mellor se é de fóra. Como diría Van
Gaal, "nunca positifos, siemprrre nejatifos". Parece
mentira que nunha vila como A Guarda, a 50 kms de Vigo, haxa máis,
mellores e máis fieis celtistas que en Vigo.
Por
outra banda se La donna é
mobile, a bancada de Vigo aínda é
máis voluble e caprichosa. Pedimos demisións e ceses (si,
xa sei que moitos credes que é o mesmo, pero non, haivos
diferencia), con máis facilidad coa que ladra a miña cadela,
pero desde logo con moito menos criterio e intelixencia, por non
falar de fidelidade.
Aplaudimos
ós recén chegados a rabiar sen que teñan demostrado nada e
preferimos apelidos como Núñez (contra o que non teño nada,
todo o contrario: moi limitado técnicamente, pero encarna o noso
himno moi ben: nobre, afouto, con corazón e tesón incansable),
Rosada ou Lucas antes cós Oubiña, Nogueira, Caínzos, Coira,
etc. Vergoña nos había de dar. Ata os que van ve-lo Celta B a
Barreiro quéixanse e láianse no canto de apoiar ó equipo.
Tiñamos
que tomar exemplo da afección do Athletic, que durante a liga
2007/08 na que se xogaban o descenso co Betis e con nós, tivo un
comportamento modélico, apoiando ó equipo ó 100% e non
asubiaron nin apuparon ata que o árbitro indicou o final do
derradeiro partido da liga. Entón si: San Mamés sacou os panos
brancos, asubiou, berrou, apupou e queixouse durante minutos pola
mala temporada... cando tiñan que estar celebrando a permanencia.
Nos
dous últimos descensos do Celta gran parte da culpa tívoa a
afección. Si, xa sei que nós non xogamos, mais o ambiente
espeso, de queixas, apupos e protestas continuas non só non axuda,
senón que contribúe ó noso desmaio e afundimento.
Non
temos paciencia ningunha. Non sabemos nin entendemos de fútbol
(¡ai!,
esquecía que tódo-los socios estudaron e sacaron o título de
adestrador nacional de fútbol e levan gañado moreas de ligas co
pc-fútbol.)
Somos
do peorciño: se un xogador fai un pase, malo; se non, peor; se
tira, malo; se non tira, tamén... "¡Adestrador, fai un troco!"... iso si, non deas nomes, que non importa, o
caso é facer trocos... xa postos a cambiar, habería que cambiar
de afección ou, polo menos, mandar a paseo ós que só van cando
as cousas van ben, ou ós que van só queixarse. E tamén a
aqueles que din que van ver un espectáculo e que non se queren
aburrir, que pagaron para se divertir. Merda para eles. Se queren
espectáculo polos seus cartos que vaian á Casita de Elena, que o
Barbarela xa pechou. Non lles gusta o que hai, pois que non vaian.
Ninguén lles pon unha pistola no peito para que vaian a Balaídos.
Para
rematar por hoxe, o máis claro exemplo de ignorancia da nosa
afección é a noxenta tertulia de Radio-Marca á hora da sesta.
É ese tipo de seguidor o que afunde o Celta, o que non precisamos
para nada, os radicais extremistas de "Lotina fóra",
"Vázquez vaite xa" ou "Horacio demisión".
Non lles vale nada e son máis listos que ninguén. O meu desprezo
e odio máis grande por eles todos,
que non calaron e apretaron os dentes, que non arrimaron o
ombro, que non miraron máis aló das súas simpatías persoais. A
todos eles os retratou perfectamente Pondal: "Mais só os
iñorantes,
e feridos e duros, imbéciles e oscuros, non nos entenden, non".
Pois
iso, afouteza e corazón.
|
|
|
01-04-2008 |
|
APOSTASÍA
Sei
perfectamente que o que vou dicir non gusta á maioría do celtismo, mais éme
igual. Se cadra empezo por escribir isto e acaba por se crear unha corrente
de opinión coa forza abonda para incomodar e, en última instancia, dar un
paso de dignidade adiante.
Sorpréndeme
que nunca ninguén teña dito nada da coroa do escudo e do título "Real"
no noso nome.
Cómo
é posible que nos aliñemos cunha institución intrinsecamente tan retrógrada,
extemporánea e anacrónica, baseada no privilexio do sangue porque si, que
non atende á valía da persoa senón ó seu apelido, que aínda hoxe
posterga e relega a muller seguindo unha lei sexista e machista de hai catro
séculos e, sobre todo, que non pode ser elixida nin descabalgada mediante a
vontade e elección popular.
Cómo
é posible que levemos nós o mesmo título no nome que os
bullies
merengues ou os mandrís infieis sarracenos...
Qué
demos teremos nós que ver con toda esa xentiña da
vila
e corte
ou das antiguas capitais de Toledo ou Valladolid. |
Velaquí
a miña proposta: tuneemos cada escudo que vexamos borrándolle a coroa ata
acadar a súa desaparición oficial. Renunciemos oficialmente perante a casa
real española a calquera título ou privilexio, por certo, pregúntome que
privilexios serán eses que obtemos por leva-la palabriña no nome e maila
coroa no escudo, porque non os vin na miña vida.
¡Apostatemos,
renegueños e abxuremos da monarquía e da realeza! ¿Qué intención lambecús
e rastreira e innecesario é ese de nos chamar así? ¿Qué necesidade temos
nós diso? Ningunha: en 80 anos de historia non nos axudou nadiña. Peor non
nos vai ir.
Última
suxestión: o escudo podería quedar simplemente sen coroa, mais eu propoño
sustituila pola oliveira e/ou o castelo do escudo de Vigo, polo perfil das
Illas Cíes, polo gorro de Celestino, que sei eu...
Pois
iso: Afouteza e corazón
|
|
|
|
|
|
|